Suso de Toro – As voces segredas

E como lles habemos agradecer a “Leilía” que nos devolvan o canto, tantos anos abandonado no escuro? Arrombado coma cousa vella sen valor e resultou ser dun metal estimado.

Metal extraño, aleación segreda e valiosa. O canto amásase de terra e auga de mar, de leña, suor, esterco, pedra, musgo e cinzas dunha vella parrandeira. E coce na cerna da terra alá nunha cova fonda e cando sae dese forno agachado é duro como titanio.

Mais o segredo do canto non é a mestura, que é a man que amasa. A man pesada que pelexa coa terra é a que gaña a levidade do aire, non hai para repenicar man máis veloz que esa man lenta e grave. Esa man liga as partes, amasa e deita os graos dun sal escuro. Un sal escuro que está feito de memoria e sentimento.

É un sal imposíbel de fabricar, é a sal dos meigallos de namorar, o da suor dos traballos e das bágoas de rir e das de chorar polos que están lonxe. Ese sal nin se crea nin se destrúe, transmítese. Pásase de nais a fillas, só quen aprende na cercanía das mulleres o saber segredo ten ese sal que fai o canto sabedeiro. E as mozas de “Leilía” téñeno, abofé, porque saben de quen son e aprenderon as voces segredas.

Elas demostran como cantan as mulleres, erguen orgullosas o canto, ese sentimento, como unha bandeira. Un sentimento cariñoso, lercho, rabudo, namorado, pillabán. Non é un amaneiramento empanicado, que é voz poderosa que ven de alá do lonxe, da fonte dos tempos. Unha voz tan forte que nos redime das nosas vidas insubstanciais, voz antiga. Porque a máis antigo está a ser o máis moderno, o máis remoto fecunda o noso presente.

Esta voz ancestral ten existencia tan física que impón a súa presenza, é inevitábel que o mundo coñeza este canto, é unha presenza asoballante de máis. Non poderá ser usado de indiferente música de fondo, é maxia escura, obríganos a dobregarnos emocionados ou alegres. Oír este canto é máis que un distraer, unha experiencia.

Se no anterior traballo “Leilía” amosou como cantan as mulleres de vez, neste novo amosan como canta a muller moza. Sen perder emoción e dramatismo hai unha maior levidade, axudadas dos arranxos musicais gañan unha lixeireza que semella que o canto nacido na eira quere ser de salón elegante. Mais non hai señorita que chegue tan alto e tan fondo cantando como cantan estas mulleres mozas. ¿Cómo lles habemos pagar que nos deran este canto irresistíbel? Non é cantar, que é sentimento. Sentimento poderoso que repenica no pandeiro e ouvea como loba ferida.

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.