Espectáculos

Xira final de Leilía

“Anque me vou non me vou”

Decembro 2023 – Xaneiro 2024

“Anque me vou non me vou,
anque me vou non te olvido,
anque me marcho co corpo,
quédame aquí o sentido”

Marabillosa capacidade a das coplas populares para en tan pouco dicir tanto. “Anque me vou non me vou”, que ben reflicte o noso sentir!

Neste espectáculo mesturamos temas novos, do noso último traballo discográfico, Vidas Cantadas, con vellas sonoridades de Leilía e a combinación de tempos e sons en nós está facendo agromar sentimentos de alegría, sorpresa, celebración, nostalxia…, dos que esperamos contaxiar ao noso público.

Certo é que marchamos e dicimos adeus a palcos, teatros, festivas e tamén a probas de son, estudos de gravación, ensaios…, pero aínda que todo isto quede atrás, Leilía xa forma parte do imaxinario colectivo deste país e cada vez que alguén escolla un dos nosos temas nun pub ou no seu fogar…, cada vez que un
pai lle poña á súa filla un vídeo para aprender unha canción, que un corredor nos leve na súa lista de reproducción, ou que un adolescente coa súa mestra practiquen un toque téndonos de referencia…, Leilía seguirá alentando e ese alento fará máis doada a nosa despedida, porque lle dará sentido ao noso labor.

Un labor que cunha mestura de orgullo e mágoa se despide da escena, pero que segue vivo no día a día desta sociedade grazas ás persoas que o valoran.

Certo é que marchamos, pero quedamos en cada copla, en cada imaxe, cada vídeo que escollades…, e tamén en cada mensaxe, cada lembranza que vos leve a un bo momento compartido ao longo destes máis de 30 anos de percorrido de Leilía.

Sempre en nós e para vós,

Leilía

Vidas Cantadas

É o noso novo espectáculo que recolle as vivencias coas que Leilía nos agasallou ao longo dos más de trinta anos xuntas, que nos permiten dicir que levamos unas Vidas Cantadas, como cantadas eran as vidas das mulleres das aldeas que nos aprenderon canto sabían e das que nós bebimos o zume da terra.

Afrontamos este novo traballo como un elo máis da cadea que une as nosas orixes, con cada unha  das aprendizaxes adquiridas ao longo destes anos.

Retomando vellas cancións do noso repertorio -coas que nos demos a coñecer- facémolas nosas de novo, e sendo as mesmas melodías teñen outro aire, igual que nós, que sendo as mesmas mulleres xa temos o pouso co que Leilía nos envolve e engalana.

Vidas cantadas é unha aposta integral, un proxecto no que cadran orixe e fin, pechamos o círculo e dentro del teñen cabida ilusións, premios, colaboracións, recoñecementos, viaxes, amizades…, e un sinfín de vivencias que nos fan sentir agradecidas e orgullosas do que Leilía significa para cada unha de nós e tamén para a música deste país.


Leilía de raíz

Ao son das pandeiretas e voces ofrecemos a singularidade, a beleza e a forza da nosa música tradicional, na que a figura da muller tivo un peso determinante, tanto na creación de melodías, ritmos e letras, como na súa transmisión.

É o canto da xente da aldea que noutro tempo non tiña máis divertimento que xuntarse para bailar ao son das pandeiretas, latas, e outros utensilios de uso doméstico que, sen ser concibidos para a percusión, acabaron formando parte do elenco de instrumentos susceptibles de xerar novos sons.

Todo isto ten cabida neste espectáculo que transmite a forza da nosa música e un profundo respecto pola cultura e tradicións.

Leilía CantarElas

No verán de 2019 Leilía pon en escena o espectáculo CantarElas , para conmemorar os 30 anos enriba dos palcos cantando, tocando e tamén loitando pola recuperación das nosas raíces.

CantarElas é un percorrido polas diferentes sonoridades do grupo, por medio das melodías máis emblemáticas destes anos xuntas, ás que tamén se unen temas do que vai ser o noso novo traballo discográfico.

Temos a inmensa sorte de contar con Xoán Porto , Xacobe Martínez Antelo, Xosé Lois Romero, Pablo Pérez Sanmamed e Roberto Comesaña tocando connosco, bailando temos a Santi López e na dirección escénica contamos co noso benquerido Quico Cadaval.

CantarElas foi un reto. Na súa creación houbo moito que escoller, ordear, pulir…, mais o resultado fainos sentir orgullosas e satisfeitas, vendo como pasado e presente se entrelazan e flúen facendo voar o tempo e tamén porque a vosa acollida é fabulosa, o que nos anova as enerxías!